Adolescentes e WhatsApp
O número de adolescentes que usan un smartphone vai en aumento. Un estudo realizado pola operadora de móbiles Orange en Francia, Reino Unido e España (Orange Exposure 2012/2013) mostra que un 95% dos adolescentes contan cun smartphone, o que supón un 65% do total dos que se usan neste mercado. E o 43% prefire usalos antes que outro dispositivo para acceder a Internet ou como terminal multimedia porque é da súa exclusiva pertenza e de máis ninguén, polo cal poden acceder cando o desexen.
É dicir, que cando falamos na actualidade de acceso á Rede por parte dos adolescentes, polo menos en Galicia, haberá que comezar a cambiar o “chip” en canto a consellos, recomendacións e precaucións. Lonxe quedan xa aquelas máximas de que o ordenador debe estar nun lugar público da casa, non no cuarto do adolescente, ou a da conveniencia de instalar algunha ferramenta de control parental no equipo… Por suposto, poden seguir sendo consellos válidos, pero coa conciencia de que serán de aplicación xa moi restrinxida porque os máis novos teñen xa os seus propios dispositivos, caracterizados pola súa autonomía e mobilidade.
Ata non hai moito, nas charlas dirixidas a adolescentes nos centros de ensino, o máis normal era falar dos ordenadores, de Tuenti e xa en moito menor medida do Messenger. Hoxe en día hai que falar sobre todo dos móbiles, do WhatsApp, do Twitter e do Tuenti. Os sistemas de mensaxería dos smartphones, como WhatsApp son xa a forma principal de comunicación entre os adolescentes. E deles quería falar neste artigo.
O uso de WhatsApp –ou calquera outra aplicación similar, como Line– por parte dos adolescentes suscita novos problemas a ter en conta. O primeiro deles é a adicción. Estar pendente da resposta dunha mensaxe que acaban de enviar ou revisar continuamente a lista de contactos para saber a última hora de conexión ou ver si viron a mensaxe que se enviou anteriormente, son comportamentos moi habituais non xa só de adolescentes senón tamén de adultos. E isto pode interferir na atención que deben prestar en determinados momentos ao estudo, ás tarefas habituais ou ata a outras formas de lecer.
O segundo problema non é algo novo nin exclusivo do WhatsApp: o sexting ou envío de fotos comprometidas. O feito de que na actualidade non sexa necesario contar cun ordenador nin ter que transferir as imaxes captadas con outro dispositivo a outro equipo conectado a Internet, fai que case non haxa espazo para a reflexión. Nun par de pulsacións grávase a imaxe e co mesmo dispositivo cólgase na rede ou, o máis frecuente, envíase a través de WhatsApp.
O terceiro problema que comeza a aparecer nesta aplicación é o acoso, algo xa vello en Internet, e que non fai outra cousa que aproveitar esta nova canle de mensaxería instantánea. Nos diferentes medios comezan xa a abundar as noticias de casos de acoso a menores a través de WhatsApp.
As recomendacións para pais, nais e educadores son as mesmas que usabamos para o resto de servizos de Internet. Para comezar, de nada valen as prohibicións, e moito menos agora que os adolescentes son propietarios destes dispositivos que se conectan desde calquera sitio. Burlarían a prohibición moi facilmente e con consecuencias máis negativas que o problema que se pretendería atallar.
Non se trata dun problema de tecnoloxía nin de que estas aplicacións sexan “monstros”, senón que é un problema de educación, e a educación aplícase a todas as esferas da vida persoal. Hai que facerlles ver que non é correcto para unha relación persoal o estar falando con outra persoa e ao mesmo tempo estar pendente do móbil, e que hai que coidar as relacións persoais (entendidas como relacións cara a cara, físicas) do mesmo xeito que se coidan as relacións dixitais. E como en calquera outra actividade na vida, hai que dedicarlle o tempo correcto: non é lóxico que un adolescente teña o teléfono activado durante a noite, mentres dorme, igual que durante as clases ou mentres realiza tarefas escolares.
Naturalmente, todas estas recomendacións teñen sentido se se acompaña do exemplo dos adultos. Porque o mal uso da mensaxería instantánea nos smartphones non é exclusivo dos mozos. E se un pai ou unha nai non é quen de corrixir a un menor que está operando co seu móbil durante a comida, será moi fácil que ese mesmo menor caia en condutas de risco no resto do tempo.
E no que toca ao envío de imaxes, facerlles ver exemplos de mal uso destas prácticas. Abundan xa en prensa. A foto que fan hoxe e á que non lle dan importancia, pode ter consecuencias moi negativas no futuro. E a persoa na que confían hoxe pode ser un inimigo resentido tempo máis adiante.
Para rematar, facerlles ver o risco do inmediato: antes, o enviar unha imaxe implicaba tomala cunha cámara ou móbil, chegar a casa, acender o ordenador, conectar a cámara, transferir as imaxes, entrar na rede social e enviala ou colgala. En todo este proceso daba tempo a reflexionar e botarse atrás, algo que non ocorre hoxe en día. A imaxe que envían nun momento de euforia, quizais amparados polo grupo, pode custarlles cara ao día seguinte.
Finalizando: unha ferramenta moi útil e con moitas posibilidades sempre que se faga un bo uso dela. Separemos as “debilidades” humanas das ferramentas de comunicación. Hai que reconducir esas “debilidades”, non satanizar as ferramentas.
Imaxes de menores a través da Rede
Comentámolo xa en máis dunha ocasión neste mesmo blog, pero volvemos insistir no tema das imaxes (vídeos ou fotografías) subidas a Internet. Todos os días seguen aparecendo nos medios de comunicación noticias alarmantes sobre adolescentes que ven cómo as imaxes que eles mesmos gravaron se difunden por toda a Rede. A última, a ocorrida na Coruña onde un grupo de mozos e mozas, menores de idade, viron como os vídeos que eles e elas mesmos gravaron e enviaron se foron transmitindo a través de WhatsApp.
Estamos afeitos a dar consellos sobre a inconveniencia de colgar imaxes comprometidas nas redes sociais, ou envialas a través de sms. Pero os avances nos medios dixitais provoca que cada vez sexa máis doado facelo e máis rápido se transmiten. Antes, subir unha foto a unha rede social, implicaba ter a foto almacenada no ordenador, conectarse á rede, e subila. Pouco despois iso foi máis fácil, porque se podía facer a través do teléfono se se tiña a aplicación móbil da rede social. Aínda así isto implicaba unha serie de accións que, aínda que pouco, levaban o seu tempo. Pero na actualidade desde unha aplicación como WhatsApp se pode gravar directamente a foto ou vídeo e enviala instantaneamente, sen necesidade de máis pasos intermedios. Polo tanto facilítase a pouca ou ningunha reflexión sobre os riscos que se están correndo ao facelo. Moito máis se esas imaxes son tomadas nun contexto de euforia producida polo alcohol e o ambiente festivo entre amigos e compañeiros. E unha vez enviado o arquivo, xa non hai nada que facer.
Pero non hai que ser hipócritas e querer crer –e facer crer– que a mocidade de hoxe en día carece de valores, que noutros tempos non ocorrían estas cousas… Internet non produce nin propicia estes comportamentos. O único que fai é multiplicar os seus efectos. Os “xogos” deste tipo sempre foron propios de adolescentes, só que antes non se difundían da maneira que se fai agora.
Internet é unha gran ferramenta, moi potente. E hai que aprender a regular esa potencia. Os adolescentes están, en todos os ámbitos da vida, probando e ensaiando, coñecendo os seus límites. É lóxico que as comunicacións a través da Rede tamén se proben. E meterán en moitas ocasións a pata, unhas veces con máis transcendencia que outras. Desde logo non é prato de bo gusto o ver unhas imaxes en situacións comprometidas difundidas e comentadas por toda a Rede.
É fundamental tomar conciencia de que Internet, en todas as súas manifestacións, incluídas as aplicacións móbiles, é un tema fundamental na educación dos menores. Mentres se siga pensando que é algo accesorio, non se poderán atallar estes problemas. Mentres os pais e nais non se tomen en serio o formarse nas ferramentas de Internet, pouco se poderá facer. Mentres o profesorado non tome conciencia de que se deben formar para non só saber aplicar as ferramentas da Rede na aula, senón tamén para coñecer os seus riscos e poder orientar ao seu alumnado, pouco se poderá facer. Mentres os poderes públicos se limiten só a adoptar medidas de carácter penal para protexer aos menores dos riscos da Rede, pouco se poderá facer. Mentres os políticos sexan os primeiros en facer mal uso das redes sociais, subindo eles mesmos imaxes comprometidas, facendo comentarios fóra de ton en Twitter ou en Facebook ou cargando ao erario público enormes e inapropiados consumos de datos e telefonía, pouco exemplo se poderá dar ás novas xeracións.
Alegraríame moito coñecer iniciativas de amplo espectro nas que se atallase a educación na Rede non como algo puntual e como reacción a un suceso, senón como algo permanente e traballando na escola, a familia, os medios de comunicación, o tecido asociativo. E incidindo nos aspectos positivos de Internet, porque só dese xeito se poderán previr os riscos que tamén existen.
Responsabilidade do profesorado nas redes sociais
Logo dun período de vacacións, volvo retomar o blog, coincidindo co inicio do curso. E fágoo coa consulta dunha nai preocupada e responsable que me di que á súa filla de 11 anos “dixéronlle que ten que abrir unha conta en Twitter para poder mandarlle deberes a través dela”. Unha irresponsabilidade, como a mesma nai apunta, por parte do colexio e a profesora tendo en conta que en ningún momento lles informaron dos riscos e nin sequera de como usala responsablemente.
De entrada é unha auténtica barbaridade que se pida a nenos e nenas de 11 anos que se abran unha conta en Twitter. As redes sociais, e os servizos de microblogging como Twitter están dirixidos a maiores de 14 anos, polo menos en España.
O apoio legal está no Real Decreto 1720/2007, de 21 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de Desenvolvemento da Lei Orgánica 15/1999, de 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal. No seu artigo 13 di:
- Poderá procederse ao tratamento dos datos dos maiores de catorce anos co seu consentimento, salvo naqueles casos nos que a Lei esixa para a súa prestación a asistencia dos titulares da patria potestade ou tutela. No caso dos menores de catorce anos requirirase o consentimento dos pais ou titores.
- En ningún caso poderán solicitarse do menor datos que permitan obter información sobre os demais membros do grupo familiar, ou sobre as características do mesmo, como os datos relativos á actividade profesional dos proxenitores, información económica, datos sociolóxicos ou calquera outros, sen o consentimento dos titulares de tales datos. No entanto, poderán solicitarse os datos de identidade e enderezo do pai, nai ou titor coa única finalidade de solicitar a autorización prevista no apartado anterior.
- Cando o tratamento se refira a datos de menores de idade, a información dirixida aos mesmos deberá expresarse nunha linguaxe que sexa facilmente comprensible por aqueles, con expresa indicación do disposto neste artigo.
- Corresponderá ao responsable do ficheiro ou tratamento articular os procedementos que garantan que se comprobou de modo efectivo a idade do menor e a autenticidade do consentimento prestado no seu caso, polos pais, titores ou representantes legais.
É dicir, co consentimento paterno, podería crearse a conta. Non sería só a de Twitter xa que se precisa tamén unha conta de correo electrónico, que tamén está suxeita aos mesmos condicionantes apuntados arriba.
De todos os xeitos Twitter di claramente na súa política de protección de datos:
A nosa política respecto dos nenos
Os nosos Servizos non se dirixen a persoas menores de 13 anos. Se vostede advirte que o seu fillo nos facilitou datos persoais sen o seu consentimento, por favor póñase en contacto connosco en privacy@twitter.com. Nós non recollemos información de nenos menores de 13 anos de xeito consciente. Se chega ao noso coñecemento que un neno menor de 13 anos nos facilitou datos persoais, facemos o necesario para borrar devandita información e dar de baixa a conta do neno.
Tedes tamén aquí o enlace ao apartado de consellos para pais e adolescentes de Twitter, que, inda que en inglés, deixa ben claras as precaucións a tomar.
En ningún caso, polo tanto, se pode animar a un colectivo de menores a integrarse nunha rede social onde van “convivir” con adultos. E moito menos facelo sen antes dar unhas pautas de precaucións e formas de actuar, tanto aos menores como a pais e nais. É unha grave irresponsabilidade dun educador incitar a usar a rede deste xeito. Seguramente, quero crer, consecuencia dun descoñecemento profundo por parte do profesorado, do que é Internet e as Redes Sociais. O cal non os exime de culpa, xa que a súa obriga é estar formados.
Os educadores que de verdade queren usar de forma responsable as redes sociais como forma de traballo na aula, teñen unha excelente ferramenta, e moi sinxela se lle dedican un par de horas como moito, que se chama Edmodo. É un sitio para crear unha rede social pechada só para alumnos e profesorado, totalmente de balde e con garantías de seguridade. Non esixe a apertura de contas de correo electrónico aos alumnos-as e é o propio profesorado o que administra os usuarios. A través desa rede, unha vez creada, pódense encargar tarefas escolares, traballos de grupo, recomendar lecturas, facer avaliacións, cualificar, responder consultas… Para o profesorado interesado, déixolles un par de titoriais moi sinxelos desta ferramenta educativa:
O meu consello é que se ao voso fillo ou filla lle mandan abrir unha conta de correo ou inscribirse nunha rede social xeral (Facebook, Twitter, Tuenti…) para os traballos escolares, faledes co centro escolar para exporlle estes argumentos. Ata o vexo pouco apto aínda que os alumnos-as teñan 15 ou 16 anos. Insisto que hai outras ferramentas. Esixamos tamén un pequeno esforzo aos educadores.
Menores en redes sociais e código penal
Sigue sendo un dos temas máis consultados en Internet: a idade de acceso ás redes sociais. E éo porque se trata dun feito constatado que gran parte dos menores de 14 anos no noso país ten conta en Tuenti, algo que non está permitido pola nosa lexislación.
Dáse o caso de que algúns pais e nais non lle dan importancia a este feito porque cren que o seu fillo ou filla é responsable e sabe o que pode publicar en Internet, con quen se debe comunicar, e cómo son as regras de netiqueta. Non serei eu quen diga o contrario, e moito menos xeneralizar e dicir que están equivocados. Cada caso é un mundo e aínda que hai pautas e recomendacións xerais, hai excepcións e particularidades. Só podo apelar ao bo sentido e responsabilidade deses pais e nais.
Sen embargo quero deixar constancia dalgúns puntos para reflexionar sobre isto. Recentemente Jorge Flores, director de PantallasAmigas, lembraba que “quen na rede social di ter 14 anos está manifestándose con capacidade legal para o consentimento sexual e isto pode supoñer que terceiros fagan uso desta información”. Explicamos: unha nena de 12 anos pode darse de alta en Tuenti mentindo sobre a súa idade e dicindo que ten 14. Co paso do tempo chegará aos 14 anos reais pero en Tuenti figurará como con 16, e non adoitan corrixir a idade porque sería dicir a todos os seus contactos que estivera enganando ata o momento.
Pero agora, coa lexislación española na man, imaxinemos un suposto caso. Partimos do feito de que en España a idade de consentimento sexual son os 13 anos (Código penal, artigos 181, 182 e 183). Polo tanto supoñamos que unha menor se dera de alta en Tuenti con 12 anos. Co paso do tempo, a menor chega aos 15. Pero en Tuenti figurará como unha moza de 17. Polo tanto está exposta a proposicións sexuais por parte doutros mozos. ¿Que pasaría neste caso? Poden ocorrer tres cousas:
- Segundo a lexislación, se hai consentimento e non se demostra engano nin coacción, a relación pode ser lícita (inda que quizás non recomendable, pero iso xa sería outra historia).
- Se se demostra que hai engano, os pais da menor poderían denunciar á outra persoa por estupro (acceso carnal con persoa maior de 12 anos e menor de 16, conseguido con engano ou valéndose de calquera tipo de superioridade).
- Se hai coaccións ou uso de forza, considérase abuso e xa que logo xa se consideraría delito.
Así que pensemos que estamos xogando con idades moi sensibles, e a cualificación dun feito ou outro depende moito da idade. Se a menor ou o menor mente sobre a súa idade, a outra persoa pode crerlle e actuar coma se fose maior de idade, polo menos sexualmente. E aí comeza unha fonte de problemas facilmente imaxinable.
Pensemos agora nos casos de grooming. Con frecuencia –aínda que menos do que adoitamos crer– os seus autores recorren ao engano ou á mentira para conseguir imaxes sexuais do menor. A cualificación deste feito ten consecuencias diferentes se o menor ou a menor ten 14 anos que se ten 17. E o groomer pode alegar que segundo o perfil do mozo ou moza na rede, tiña 17, aínda que en realidade tivese 14.
Cabe subliñar que o código penal español tamén fai unha referencia explícita aos contactos con menores de 13 anos a través de Internet, teléfono móbil ou calquera outra tecnoloxía da información, co ánimo de cometer un delito de tipo sexual. Trátase do artigo 183 bis do código penal, engadido por Lei Orgánica 5/2010 de 22 de xuño:
O que a través de Internet, do teléfono ou de calquera outra tecnoloxía da información e a comunicación contacte cun menor de trece anos e propoña concertar un encontro co mesmo a fin de cometer calquera dos delitos descritos nos artigos 178 a 183 e 189, sempre que tal proposta se acompañe de actos materiais encamiñados ao achegamento, será castigado coa pena de un a tres anos de prisión ou multa de doce a vintecatro meses, sen prexuízo das penas correspondentes aos delitos no seu caso cometidos. As penas impoñeranse na súa metade superior cando o achegamento se obteña mediante coacción, intimidación ou engano.
Resumindo, que á hora de autorizar ao noso fillo ou filla para entrar a formar parte dunha rede social como Tuenti ou calquera outra, pensemos en todas as consecuencias que pode carrexar. Moitas veces estes “pequenos” detalles escápansenos e non pensamos que se poida chegar tan lonxe. Pero unha vez coñecido, obremos, como diría o código civil español nunha expresión desde logo moi caduca e necesaria de reforma, “coa dilixencia propia dun bo pai de familia”.
E para finalizar, posto que este blog é lido por moitos visitantes de Latinoamérica, podedes consultar neste artigo da Wikipedia as idades de consentimento sexual en varios países do cono sur e dalgúns outros continentes.
