Menores e webcam
A webcam é un dos elementos que, xunto á conexión wifi, máis se estendeu nos computadores portátiles nos últimos anos. Actualmente é difícil atopar un equipo que non dispoña deste dispositivo. Polo tanto temos que afrontar a súa existencia.
Non é que non sexa un instrumento útil. Como ocorre en case todo o hardware e o software, en si as ferramentas non son nin boas nin malas ou perversas. É quen as usa o que pode ter estes cualificativos. Unha webcam ben empregada ábrenos un abano de posibilidades moi interesantes: familias que teñen aos seus fillos estudando no estranxeiro ou noutra cidade e aos que poden ver (saber se están gordiños ou están comendo mal, se teñen a habitación desordenada…
), inmigrantes que poden ter un contacto visual cos seus familiares… E como sempre, hai unha cara B da moeda: delincuentes que utilizan as webcams para gravar ou mostrar imaxes non adecuadas, como xa vimos ao falar do sexting ou do grooming.
A recomendación que se facía, e se segue facendo, é que os adolescentes non necesitan unha webcam e se é posible é mellor que non a teñan. Pero a realidade é a que apuntabamos ao principio e se o seu equipo é medianamente recente, terá unha cámara integrada. E de calquera xeito, unha webcam no mercado pódese atopar a partir de 10 euros aproximadamente, unha cantidade alcanzable para un adolescente. E unha webcam deste tipo pode instalarse e desinstalarse e deste xeito os pais non saber se o seu fillo a ten. Evidentemente, cun pouco de atención detectaríase a súa existencia, porque o normal é que inda que o dispositivo non estea conectado, o software seguramente si estará instalado.
Do mesmo xeito que o que comentabamos antes, a recomendación habitual é que o computador estea situado nun lugar común da casa, pero igualmente isto hoxe en día comeza a resultar difícil, porque xa son máis vendidos os computadores portátiles que os de sobremesa, e polo tanto pódese transportar dunha habitación a outra (dáse o caso de rapaces que o usan á noite sen que os pais o saiban). Ademais de que coas baixadas de prezos, non é difícil atopar a menores que teñen o seu propio computador portátil ou netbook.
A conclusión é que para evitar problemas coa webcam non valen soamente as medidas de prohibición. O menor terá modos para saltalas. Inda que máis lento, e quizais cos riscos que implica a confianza nel (pero que é o realmente educativo) a solución pasa polo diálogo cos fillos. Para eles a webcam é un medio de comunicación. Recordemos que o que engancha aos rapaces en Internet non é a información, senón a comunicación. Posiblemente ao falarlles dos riscos da webcam, eles intenten dar a volta á tortilla e dicirnos que é unha ferramenta de protección para eles, porque se se conectan cun contacto ou un posible contacto, mediante a webcam poderán saber se realmente é quen di ser. E isto non é exacto. Existen medios para que calquera poida conectar á webcam unha gravación e polo tanto o menor pode estar vendo a alguén que non é realmente con quen están falando.
O outro problema reside nas imaxes que se poden obter a través da webcam dos menores. Xa falamos diso na entrada dedicada ao grooming. Ata é posible poñer en funcionamento a webcam dos nosos fillos remotamente sen que eles se decaten. ¿Como se fai isto? Normalmente por un proceso de enxeñaría social. O delincuente, a través de enganos no Messenger, por exemplo, logra que o rapaz se descargue un arquivo (xa temos falado dos enlaces que saltan na mensaxería e que teñen os seus riscos de instalar troianos ou outro tipo de programas maliciosos) e ese arquivo é o que posibilita que no momento que o desexe se active a webcam e desta maneira o suxeito poderá gravar as imaxes recibidas.
Son feitos que debemos facerlles saber aos fillos e fillas. As webcams, mal utilizadas, son unha porta aberta a decenas de problemas: sexting, grooming, ciberbullying, encontros non desexados, pornografía infantil, chantaxes…
Poñendo os proles e contras da webcam, a balanza inclínase sen dúbida cara aos contras. Son máis os riscos que as vantaxes. Pero como xa dicimos, é difícil atallar este problema baseándonos en prohibicións. Esixe outras vías. Por suposto, en casos extremos, onde xa se sospeita que hai problemas serios, existen medios para controlar o que os nosos fillos fan na webcam… ata certo punto. Chegada a necesidade de usar estes medios, remítome á obra de Mar Monsoriu “Técnicas de Hacker para padres”.
Con toda seguridade, o tema da webcam seguirá estando presente en artigos futuros. E como sempre, bríndovos o espazo de comentarios neste foro para a vosa participación: preguntas, achegas, experiencias…
E para acabar, déixovos un vídeo da Axencia de Protección de Datos de Noruega, onde podemos ver de xeito moi gráfico unha das consecuencias da inxenuidade dos adolescentes ante a webcam.
Conectando xeracións
Hoxe martes 7 de febreiro celébrase en máis de 70 países o Día Internacional da Internet Segura, un evento que este ano ten como lema “Conectando xeracións. Descubrindo o mundo dixital xuntos… con seguridade”. O obxectivo deste día é promover o diálogo interxeracional entre pais e fillos, profesores e alumnos, co fin de afrontar a chamada brecha dixital.
Se seguides este blog habitualmente saberedes que son un firme convencido da necesidade de compartir a experiencia da Rede en familia. A participación de pais e nais –e tamén educadores– nas redes sociais e o uso das ferramentas que Internet proporciona, son un grande apoio á hora de educar e guiar aos menores nunha navegación segura. Non se pode educar e aconsellar se non se coñece este medio.
Internet é xa, sen volta atrás, un lugar de socialización para os menores. Pero como calquera outro medio, sabémolo, ten os seus riscos, uns inherentes á propia Rede e outros propios da idade dos mozos e mozas, con descoñecemento das ameazas e coa menor percepción de risco que teñen. Só sendo conscientes desta realidade poderemos afrontala e poderemos educar aos menores, potenciando todo o positivo que ten Internet e neutralizando os comportamentos de risco que se poden presentar.
Son moitos os pais e nais que se senten intimidados por Internet. E non é de estrañar, ante a avalancha de noticias xeralmente en ton negativo que se escoitan nos medios. Se a esta ignorancia sobre o que é Internet, as Redes Sociais, a mensaxería, etc., engádeselle que ven aos seus fillos manexando estas ferramentas con tanta fluidez, o complexo faise máis grande. Moitos pensarán que que cousa lle van ensinar aos seus fillos se eles lles levan tanta vantaxe e lles dan cen mil voltas. Non é así. Por suposto que eles usan as redes sociais e outros instrumentos de Internet con moita soltura, pero iso non significa que coñezan os riscos e, aínda que o poida parecer, tampouco son expertos en software. Así é fácil que caian en trampas ou que non tomen medidas para protexer os seus equipos ante ameazas externas. E como en ocasións estes equipos son usados por todos os membros da familia, é fácil que as súas imprudencias afecten á seguridade dos fogares. Exemplifico para que se entenda mellor: se un menor navega pola Rede sen precaución ningunha, é posible que poida infectar o equipo cun troiano ou un virus. Se logo ese mesmo equipo o usa a súa nai ou pai para acceder ás súas contas bancarias, cabe a posibilidade de que os cartos da súa conta se vexan comprometidos.
En consecuencia, só implicándose directamente, aprendendo a usar as mesmas ferramentas que os seus fillos e fillas, poderán estar seguros e manter seguros aos menores. E si, aconsello totalmente que todos os pais e nais teñan algún perfil nunha rede social. Aínda que non a usen habitualmente. Pero que coñezan o que son de primeira man. Só deste xeito, con esta implicación, poderanse vencer medos e inseguridades e poderase ser pai e nai responsable.
Pódovos asegurar que unha familia unida na Rede, será unha familia moito máis segura. E tamén atopará moitísimos recursos para compartir formación, educación, lecer e comunicación. Sen dúbida, se pais, nais, fillos e fillas (e si, tamén avós e avoas) usan Internet, terán moitos máis puntos de encontro.
Déixovos co vídeo da campaña deste Día Internacional da Internet Segura.
http://youtu.be/QvuHZvwPDL0
