Quinorifas, festas semáforo e ruletas sexuais

QuinorifasQue todo o mundo de Internet está cheo de palabras raras ninguén o dubida. É algo que asusta aos non moi introducidos na rede. E ao falar dos riscos dos menores á hora de navegar por Internet, tamén aparecen palabras e termos non moi usados na vida cotiá, e con todo definen fenómenos moi habituais e moi tipificados. Palabras como “grooming”, “ciberbullying”, “sexting” ou “ciberbaiting” atrapallan a moitos pais e nais á hora de intentar entender o que sucede na Rede. Con todo, tendo vontade, son termos doados de entender e existen infinidade de recursos en Internet que nos axudan neste sentido.

Este prefacio vén porque hoxe traio outra palabra non coñecida ata agora: Quinorifa. Trátase de algo que xurdiu en Facebook, orixinariamente en Perú e Colombia, e que consiste en ofrecer sexo con menores de idade a cambio de cartos. O gañador desa rifa, tería como premio a oportunidade de manter relacións sexuais con esa nena, entre 15 e 18 anos normalmente. Os prezos van desde os 50 aos 150 dólares por ata 12 horas coa menor.

A promoción faise nun dobre sentido. Por unha banda atraen clientes e por outra a menores para que entren no “xogo” a cambio dunhas sumas de diñeiro. A Policía tampouco descarta que tras estas promocións se encontren non só redes de trata de persoas senón tamén estafas.

Xa en Perú fixéronse en certa medida populares as chamadas festas semáforo, convocadas a través de Internet e onde participan menores de entre 12 e 17 anos. Son festas sen ningún tipo de control onde se consome alcohol, drogas e onde o desenfreo chega ata a práctica de sexo na piscina. Nestas festas os menores deben portar unha pulseira verde (se están “solteiros”), vermella (que significa que xa se ten unha relación) ou amarela (que quere dicir que está disposto ou disposta a todo).

E o terceiro tipo de festas de menores convocadas a través de Facebook son as chamadas ruletas sexuais, nas que se trata de manter relacións sexuais sen chegar a exacular, xa que o que exacula é o que perde.

Unha agravante engadida a este tipo de festas é que moitas imaxes e vídeos tomados nelas se soben a Internet e non é nada difícil atopalas en Youtube e noutras redes.

En fin, unhas modas preocupantes en Perú sobre todo agora mesmo, pero hai que estar alerta ao que poida pasar e constitúe un motivo máis para que pais e nais tomen conciencia do importante que é que estean presentes na Rede e aprendan a navegar e usar as ferramentas de Internet. Non facelo supón –está á vista– correr o risco de decatarse demasiado tarde de prácticas como estas que aquí contamos ou outras similares. Non se pode aconsellar aos fillos e fillas se non se coñece o tema e eles e elas tampouco acudirán a buscar consello e pedir axuda a uns pais e nais que non teñen idea e polo tanto carecen de capacidade para axudar.

Non son motivos suficientes para poñerse mans á obra? Neste vídeo móstrase este tipo de prácticas convocadas a través das redes sociais e advírtese precisamente da necesidade de que os adultos con menores ao seu cargo estean ao día no uso de Internet. E tamén, con este vídeo, compróbase o que apuntabamos: a Rede está chea de imaxes tomadas nesas festas.

Como actuar ante un delito na Rede

Delitos na RedeUltimamente están aparecendo nos medios de comunicación moitas novas de accións policiais para frear o envío de fotos e vídeos de contido sexual protagonizados por menores. Os envíos realízanse sobre todo a través de Twitter, pero tamén por medio dos programas de mensaxería de móbiles, WhatsApp e Line. A Policía publica periodicamente avisos advertindo de que a transmisión destes arquivos ou enlaces é constitutivo de delito. E nesta semana estes avisos reforzáronse porque parece que moitas persoas non son conscientes disto. E entre os denunciados pola transmisión destas imaxes encóntranse numerosos menores.

Con todo non é disto do que quero falar hoxe. Voume referir a outro tipo de transmisión de imaxes, con outros fins, pero con resultados igualmente prexudiciais. Falo das persoas que co obxectivo de denunciar a existencia de, por exemplo, unha web con contido pedófilo, non se lles ocorre mellor cousa que publicar o enlace nas redes sociais. Fanno coa idea de que outras persoas denuncien a existencia desa páxina para que a pechen. Como ben advirten os Corpos Policiais, seguramente a intención é boa, pero o resultado da acción non o é, e pode traer consecuencias para os seus autores, é dicir, para as persoas que fan públicos eses enlaces. O feito de publicalos fai que aumente o número de visitas.

Daquela cal é o procedemento a seguir? Pois desde logo denunciar o feito á Policía Nacional ou á Garda Civil, pero sen publicar enlaces en ningures. Se recibes un chío ou unha mensaxe a través de WhatsApp ou calquera outro medio, cun contido susceptible de delito (pornografía infantil, imaxes de abuso a menores, ciberbullying…), debes seguir os seguintes pasos:

  • Non borrar o arquivo susceptible de denuncia. Son probas que poden necesitar os Corpos de Seguridade para chegar aos autores. Por suposto, non difundilos.
  • Comunicalo á Policía Nacional ou á Garda Civil. Ambos Corpos dispoñen de unidades especializadas en delitos telemáticos. A páxina da Policía Nacional para este tipo de comunicacións é http://www.policia.es/colabora.php. A da Garda Civil é http://www.gdt.guardiacivil.es/webgdt/pinformar.php. En calquera dos dous casos non é obrigatorio proporcionar datos persoais.
  • No caso de que o que se queira presentar sexa unha denuncia, pode interpoñerse tamén a través das mesmas páxinas, pero tendo en conta que nese caso si que hai que achegar datos persoais e que necesariamente dentro das 72 horas seguintes haberá que acudir á Comisaría de Policía ou o centro policial ou xudicial que se decida para asinar esa denuncia.

A vixilancia para dispoñer dunha Rede sa é competencia de todos, non só das Forzas de Seguridade. Por iso hai que colaborar por iniciativa propia cando consideremos que estamos ante un delito.

E algo moi importante que moitos pais e nais non teñen en conta. En ocasións son os menores os que están sendo vítimas de determinados delitos: acoso, chantaxe sexual, estafa, suplantación de identidade… Se temos constancia disto, é necesario, imprescindible, que o denunciemos. Non xa informar, senón denunciar, polo ben dos fillos ou fillas e do resto de menores que poidan estar sendo vítimas do mesmo suxeito. Por exemplo, moitos pais e nais non son conscientes de que o feito de que lle rouben a conta de correo da rede social ao seu fillo é un delito. As consecuencias poden ser graves, xa que a través dela acceden a todos os seus contactos e ás imaxes almacenadas propias e de terceiras persoas. Con esta información e estes datos poden facer dano a outras persoas e tamén poden facerse pasar polo menor ao que lle roubaron esa conta. É dicir, a persoa que roubou esa conta, ten nas súas mans un arma que pode ser moi perigosa para moitas persoas. Por iso é importante denunciar o feito. Estaremos contribuíndo a aumentar a seguridade da Rede.

E para estar ao tanto de consellos e de advertencias actualizadas sobre as ameazas delituosas que xorden día a día na Rede, recoméndovos as páxinas e perfís das unidades de delitos telemáticos da Garda Civil e Policía Nacional nas Redes Sociais:

Adolescentes e smartphones

Adolescentes e smartphonesFalamos no artigo anterior sobre o uso das aplicacións de mensaxería instantánea nos smartphones. É un dos usos que teñen estes dispositivos, pero non o único, por suposto. A el engádenselle multitude de tarefas que antes se facían a través dun ordenador e outras que son totalmente novas e que veñen propiciadas pola mobilidade e a xeolocalización destes dispositivos.

Cómpre destacar a gran penetración no mercado español dos smartphones. Segundo o informe anual da Fundación Telefónica, “A Sociedade da Información en España” revelado hai uns meses, o 63,2% dos teléfonos móbiles en España son smartphones, co cal se sitúa na cabeza da Unión Europea e entre os primeiros do mundo.

É por iso que os adolescentes contan entre as súas primeiras “necesidades” a posesión dun destes terminais intelixentes. O posuílo é signo de pertenza ao grupo, igual que antes era ter unha conta en Tuenti inda que non tivese a idade legal para facelo, pero como todos os seus amigos e amigas a tiñan…

Un smartphone é moito máis que un teléfono. Atrévome a dicir que ata é máis que un ordenador. E como a maioría dos adolescentes posúen un, é moi recomendable que sexa tema de conversación na familia. Non se trata de regalarlle un destes dispositivos ao menor e que sexa el o que pescude como se manexa. No fondo, moitos pais e nais pensan que os seus fillos e fillas saben manexar estas ferramentas mellor ca eles e por iso non se atreven a dar consellos nin instrucións. E deste xeito os menores aprenderán o seu uso a través dos seus compañeiros ou deixándose levar pola intuición. Non estou seguro de que iso sexa o máis recomendable.

Un exercicio de responsabilidade será darlle unha serie de recomendacións que inda que pensemos que son coñecidas, é moi probable que non sexa así. As mínimas recomendacións son:

  • Instalar un antivirus. Existen antivirus de balde e que, contrariamente ao que se pensa, non teñen porque minorar o uso do terminal. Unha configuración que debe realizarse no antivirus é a de non permitir descargar aplicacións fóra da tenda oficial (Playstore ou Appstore normalmente). Cada vez con máis frecuencia existen páxinas que automaticamente pretenden instalar unha aplicación con software malicioso. O evitalo é unha das principais funcións dos antivirus para smartphones. Pero, ollo, igual que os antivirus para ordenadores, de nada valen si non se usa o sentido común. Se por curiosidade ou por consello de amigos o menor accede a lugares ou a aplicacións que non debe, de pouco valen os antivirus.
  • Configurar a pantalla de bloqueo do terminal. Existen aplicacións, –e ás veces o propio sistema operativo do teléfono ten esta función– que están destinadas a establecer un sistema de seguridade para desbloquear a pantalla. Pode ser un patrón de bloqueo (mediante desprazamento do dedo dun xeito predeterminado), mediante un contrasinal, ou ata por voz ou recoñecemento facial. O de seguridade máis baixa é o patrón mediante desprazamento do dedo. En calquera caso hai que dificultar o acceso directo ao teléfono, xa que normalmente, ademais de gardar contactos ou axenda, almacénanse tamén fotos, documentos e ata se adoitan ter abertas as contas de redes sociais ou de correo, co cal en caso de roubo ou perda, as consecuencias poden ser graves.
  • Moito coidado coas aplicacións que se descargan. En principio deberían ser só as existentes nas tendas de descarga oficiais, pero isto tampouco é garantía. Moitas delas poden abusar dos privilexios que lles damos ao instalalas (xeolocalización ou acceso a contactos por poñer só un exemplo) e poden ata en casos extremos acceder a determinadas carpetas, como a de imaxes, para facerse con elas.
  • Ter anotado o IMEI do teléfono e se é posible gardar a factura da súa compra, datos que serán de utilidade no caso de roubo ou perda do teléfono. O IMEI servirá para que a operadora bloquee o teléfono a petición nosa e a factura axudará á hora de presentar unha denuncia por roubo.
  • Advertirlle da fraxilidade dos datos transmitidos a través de certas redes. Existen programas que poden rastrexar as comunicacións efectuadas nunha rede wifi non segura (cafeterías, redes públicas, etc.). Polo tanto, se hai que transmitir datos sensibles (imaxes ou datos confidenciais) deberá facerse a través do plan persoal de datos e non nunha rede deste tipo.

Estas serían as pautas básicas que un menor debería recibir xunto ao seu flamante smartphone. Por suposto, pautas igualmente válidas para os adultos, porque non é só para menores.

A partir de aquí, os consellos xa repetidos en anteriores ocasións, válidos para calquera tipo de acceso á Rede: precaución coas imaxes que se envían, ollo cos datos confidenciais vertidos na Rede, coidado co tempo que se emprega usando o teléfono…

Non deamos por feito que os menores manexan a tecnoloxía mellor que os adultos. Quizais algúns si, pero teñamos en conta que o manexo dunha ferramenta non presupón o coñecemento do bo uso dela.

Adolescentes e WhatsApp

Adolescentes e WhatsAppO número de adolescentes que usan un smartphone vai en aumento. Un estudo realizado pola operadora de móbiles Orange en Francia, Reino Unido e España (Orange Exposure 2012/2013) mostra que un 95% dos adolescentes contan cun smartphone, o que supón un 65% do total dos que se usan neste mercado. E o 43% prefire usalos antes que outro dispositivo para acceder a Internet ou como terminal multimedia porque é da súa exclusiva pertenza e de máis ninguén, polo cal poden acceder cando o desexen.

É dicir, que cando falamos na actualidade de acceso á Rede por parte dos adolescentes, polo menos en Galicia, haberá que comezar a cambiar o “chip” en canto a consellos, recomendacións e precaucións. Lonxe quedan xa aquelas máximas de que o ordenador debe estar nun lugar público da casa, non no cuarto do adolescente, ou a da conveniencia de instalar algunha ferramenta de control parental no equipo… Por suposto, poden seguir sendo consellos válidos, pero coa conciencia de que serán de aplicación xa moi restrinxida porque os máis novos teñen xa os seus propios dispositivos, caracterizados pola súa autonomía e mobilidade.

Ata non hai moito, nas charlas dirixidas a adolescentes nos centros de ensino, o máis normal era falar dos ordenadores, de Tuenti e xa en moito menor medida do Messenger. Hoxe en día hai que falar sobre todo dos móbiles, do WhatsApp, do Twitter e do Tuenti. Os sistemas de mensaxería dos smartphones, como WhatsApp son xa a forma principal de comunicación entre os adolescentes. E deles quería falar neste artigo.

O uso de WhatsApp –ou calquera outra aplicación similar, como Line– por parte dos adolescentes suscita novos problemas a ter en conta. O primeiro deles é a adicción. Estar pendente da resposta dunha mensaxe que acaban de enviar ou revisar continuamente a lista de contactos para saber a última hora de conexión ou ver si viron a mensaxe que se enviou anteriormente, son comportamentos moi habituais non xa só de adolescentes senón tamén de adultos. E isto pode interferir na atención que deben prestar en determinados momentos ao estudo, ás tarefas habituais ou ata a outras formas de lecer.

O segundo problema non é algo novo nin exclusivo do WhatsApp: o sexting ou envío de fotos comprometidas. O feito de que na actualidade non sexa necesario contar cun ordenador nin ter que transferir as imaxes captadas con outro dispositivo a outro equipo conectado a Internet, fai que case non haxa espazo para a reflexión. Nun par de pulsacións grávase a imaxe e co mesmo dispositivo cólgase na rede ou, o máis frecuente, envíase a través de WhatsApp.

O terceiro problema que comeza a aparecer nesta aplicación é o acoso, algo xa vello en Internet, e que non fai outra cousa que aproveitar esta nova canle de mensaxería instantánea. Nos diferentes medios comezan xa a abundar as noticias de casos de acoso a menores a través de WhatsApp.

As recomendacións para pais, nais e educadores son as mesmas que usabamos para o resto de servizos de Internet. Para comezar, de nada valen as prohibicións, e moito menos agora que os adolescentes son propietarios destes dispositivos que se conectan desde calquera sitio. Burlarían a prohibición moi facilmente e con consecuencias máis negativas que o problema que se pretendería atallar.

Non se trata dun problema de tecnoloxía nin de que estas aplicacións sexan “monstros”, senón que é un problema de educación, e a educación aplícase a todas as esferas da vida persoal. Hai que facerlles ver que non é correcto para unha relación persoal o estar falando con outra persoa e ao mesmo tempo estar pendente do móbil, e que hai que coidar as relacións persoais (entendidas como relacións cara a cara, físicas) do mesmo xeito que se coidan as relacións dixitais. E como en calquera outra actividade na vida, hai que dedicarlle o tempo correcto: non é lóxico que un adolescente teña o teléfono activado durante a noite, mentres dorme, igual que durante as clases ou mentres realiza tarefas escolares.

Naturalmente, todas estas recomendacións teñen sentido se se acompaña do exemplo dos adultos. Porque o mal uso da mensaxería instantánea nos smartphones non é exclusivo dos mozos. E se un pai ou unha nai non é quen de corrixir a un menor que está operando co seu móbil durante a comida, será moi fácil que ese mesmo menor caia en condutas de risco no resto do tempo.

E no que toca ao envío de imaxes, facerlles ver exemplos de mal uso destas prácticas. Abundan xa en prensa. A foto que fan hoxe e á que non lle dan importancia, pode ter consecuencias moi negativas no futuro. E a persoa na que confían hoxe pode ser un inimigo resentido tempo máis adiante.

Para rematar, facerlles ver o risco do inmediato: antes, o enviar unha imaxe implicaba tomala cunha cámara ou móbil, chegar a casa, acender o ordenador, conectar a cámara, transferir as imaxes, entrar na rede social e enviala ou colgala. En todo este proceso daba tempo a reflexionar e botarse atrás, algo que non ocorre hoxe en día. A imaxe que envían nun momento de euforia, quizais amparados polo grupo, pode custarlles cara ao día seguinte.

Finalizando: unha ferramenta moi útil e con moitas posibilidades sempre que se faga un bo uso dela. Separemos as “debilidades” humanas das ferramentas de comunicación. Hai que reconducir esas “debilidades”, non satanizar as ferramentas.

O ciberbaiting ou acoso a profesores

CiberbaitingEstes días a Policía emitiu un comunicado onde informa do incremento das detencións por inxurias, ameazas e delitos contra a intimidade na Rede, o triplo que en 2011. O aumento do uso de smartphones e o maior acceso da poboación a Internet, posibilitou estas prácticas. “Supostos chismes que non son inofensivos e si inxurias graves, afirmacións contra o honor, imputación de delitos a outras persoas que non se cometeron (calumnias), intromisións na intimidade das persoas desvelando aspectos -certos ou non- do seu ámbito privado ou dano grave e intencionado á imaxe doutras persoas con difusión son ilícitos tipificados no Código Penal”. Isto é o que nos di a Policía no seu comunicado. E habería que engadir que moitos dos autores destes comportamentos son menores, que non son conscientes do alcance deste tipo de actuacións. Para moitos deles o acoso a través de Internet é unha simple trasnada. Si a este descoñecemento das consecuencias legais, se lle engade unha actitude irreflexiva á hora de usar as Redes, temos un cóctel explosivo.

Os menores, e os adultos, acceden cada vez máis a Internet a través dos smartphones. Isto é unha facilidade máis para un comportamento incorrecto na Rede. Se antes para subir unha foto había que tomala cunha cámara dixital, chegar á casa, conectar a cámara ao ordenador, descargala, conectarse a unha rede social e colgala, na actualidade basta pouco máis que un par de pulsacións de tecla no teléfono móbil para que esa imaxe estea circulando pola Rede. Para ben e para mal. De aí veñen moitos comportamentos de acoso e cyberbullying. Disto falamos con frecuencia neste blog.

Pero nesta ocasión quero referirme a unha forma especial de acoso: o “ciberbaiting”. Consiste en provocar aos profesores, ata que perden o control, para logo gravar esas reaccións en vídeo e subilas á Rede, para humillalos deste xeito. É dicir, algo similar ao ciberbullying pero en lugar de ser outro menor o acosado, é o profesor ou profesora. Búrlanse dalgún defecto ou característica física ou das súas reaccións para despois ridiculizalos nas redes sociais. E isto, como indicamos máis arriba, son atentados ao honor, ou ameazas, ou inxurias, e todo iso está tipificado no código penal. E a diferenza doutros tipos de acoso, no que existe un aparente anonimato, este comportamento sucede sempre dentro do ámbito escolar, co que é máis doado identificar e localizar aos seus autores.

Un de cada cinco profesores, segundo o informe de Norton Online Family, experimentou nalgunha ocasión este problema ou coñece persoalmente a alguén que o sufriu. Ás veces este problema vén derivado da relación entre profesores e alumnos a través das redes sociais, e un 67% dos educadores recoñece que existe ese risco e malia iso un terzo continúa sendo “amigo” dos seus alumnos. Algo para reflexionar, do mesmo xeito que os códigos de conduta que teñen (ou que non teñen) os centros educativos para regular o uso das redes sociais no contexto escolar.

Para atallar este problema é necesaria a educación para ensinar a manexar as ferramentas sociais en Internet desde unha dobre vía: desde o propio centro escolar e desde a familia. Vanessa Van Petten, autora da páxina “Radical Parenting”, afirma que os menores “necesitan pais, profesores e outros modelos de conduta que lles axuden a descubrir cara a onde ir, que dicir, como actuar e máis importante aínda, como non actuar. Situacións negativas online poden ter repercusións no mundo real: desde acoso ata perda de cartos en fraudes onde se proporciona información persoal” (Internet Safety for Kids).

Resumindo: á hora de falar da seguridade dos menores en Internet, non debemos centrarnos só en protexelos de ameazas de terceiros, senón tamén deles mesmos, mostrándolles os riscos de comportamentos do tipo que acabamos de comentar. É dicir, informar e educar. Pero para iso, como indicaba Vanessa Van Petten, é necesario que conten con modelos a seguir e a onde recorrer en caso de necesitar axuda. É dicir, nais, pais e educadores deben facer o esforzo de informarse e formarse tamén. Non hai outro camiño. Non pensemos en lexislacións controladoras ou represoras ou que as institucións fagan o traballo por nós.